POR MIGUELANXO LAR

Emigrantas é forza telúrica, unha coreografía maxistral pegada á terra da que escapan as emigrantas. É un trompe-l’oeil do movemento, unha pelexa corpo a corpo; dun lado a arte e do outro a esmagadora realidade dos datos, dunha demografía que esnaquiza o país nunha sangría de mozos e mozas que marchan dende a noite dos tempos. É tamén unha experiencia intensa, física e mental, que reivindica unha realidade e que a fai súa entre pasos dados con firmeza e maletas cheas de soños que parten para non volver. Un volcán en erupción que non permite permanecer en acougo sobre a cadeira, se non que invita a se erguer e marchar simbólicamente xunto aos bailaríns polo escenario, acompañándoos nunha loita contra o fatídico devir dos tempos que nos tocou vivir. Emigrantas é unha obra valente, que prima a denuncia dunha realidade e que lle atopa a forma nunha posta en escena equilibrada no tempo mais arriscada na forma, que nos perturba e nos fai tremer, ficando intranquilos e dixerindo a obra unha vez se pecha o telón e marchamos para a casa.