top of page

OLLO DO BOSCO

Obradoiros de Danza no Courel.

 

A bailarina e coreógrafa Kirenia Martínez volve levar a Danza ao Courel (xullo - agosto 2021) co proxecto ‘Ollo do bosco’ co apoio do Fondo de Proxectos Culturais en Lingua Galega Xacobeo 2021. Logo do éxito da experiencia do ano (2020), o CPI de Seoane acolleu dous talleres, un deles orientado a mulleres e outro para nenos e nenas da serra. A iniciativa tivo como material primeiro de traballo os contos de Novoneyra.

 

Esta encontro a través da danza coa palabra de Novoneyra busca recoller, actualizar e comunicar a memoria da lingua, das lendas, dos contos e doutras mostras de patrimonio inmaterial da serra do Courel para que se integren como parte da propia cultura. Participaron persoas de todas ás idades, veciñas da serra e emigrantes que volten polo vrao, así como tamén turistas e xentes de paso.

 

A directora da compañía Kirenia Danza traballa estas experiencias de “danza contada e lecturas bailadas” a través do autocuidado e o coñecemento e goce do corpo en libre movemento. Esta nova proposta didáctica apóiase na experiencia e os traballos previos da coréografa sobre o conto, tema que explorou durante a súa residencia artística en Satriano di Lucania (Italia) en 2019, co programa europeo I-Portunus de residencias para artistas en itinerancia e tamén co anterior proxecto formativo “Corpo a Corpo” beneficiario da anterior convocatoria.

 

Este proxecto une danza, literatura e interpretación para a creación de públicos culturais (infantoxuvenís e femininos) na comunidade rural e remota do Xeoparque UNESCO das Montañas do Courel, baseándose no patrimonio literario da zona. Tamén busca favorecer a conciliación familiar e laboral e ofertar alternativas de ocio e coidado na Montaña.

 

“Ollo do Bosco” é un proxecto beneficiario da segunda convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais en Lingua Galega Xacobeo 2021 de creacións culturais, dentro das accións do Plan de reactivación cultural fronte aos efectos derivados da COVID-19 por iniciativa da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

 

Colaboradores neste proxecto: CPI Uxío Novoneyra, Concello de Folgoso do Courel, ANPA do Courel, Fundación Uxío Novoneyra.

bottom of page