top of page

A Consellería de Cultura renova á coreógrafa Kirenia Martínez como directora do festival ‘Escenas do cambio’ da Cidade da Cultura


A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude vén de dar continuidade na dirección de Escenas do cambio á coreógrafa e mediadora cultural Kirenia Martínez, que se estreou este ano á fronte do festival de teatro, danza e arte en acción organizado pola Cidade da Cultura na que foi a súa décima edición.

Cun programa que recoñecía o legado dos anteriores directores artísticos do festival, Pablo Fidalgo e Lola Correa, e mantiña a súa esencia transformadora, Kirenia Martínez conseguiu atraer novos públicos a unha cita consolidada como unha das máis relevantes no ámbito da creación escénica contemporánea en Galicia e España. En total, máis dun milleiro de persoas asistiron aos espectáculos na última edición de Escenas do cambio celebrada o pasado mes de maio.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, manifestaron a súa confianza en que o festival continúe a medrar en vindeiras edicións, tanto como plataforma de lanzamento para o talento xurdido en Galicia como na súa conexión coa vangarda escénica internacional.


bottom of page