Autoría, coreografía e dirección
Vestiario
Un proxecto escénico de recuperación de repertorio
Este proxecto testa a metodoloxía de recuperación de repertorios como alternativa viable para o sector dancístico contemporáneo nun contexto de crise sanitaria e económica de especial impacto para a Danza, que dificulta a distribución de proxectos de nova creación pola superposición da distribución das mesmas, adiadas por reprogramacións de tempadas previas afectadas pola pandemia.
Partirnos da idea de recuperar, mediante a “Arqueoloxía da Danza” unha peza de repertorio dunha das compañías máis recoñecidas e importantes de Cuba, Danza Teatro Retazos. “Tres Tristes Tres” é a peza orixinal na que se inspira esta nova versión. Creouse no marco do Festival Habana Vieja Ciudad en Movimiento polo coreógrafo Miguel Azcue xunto a Kirenia Martínez, que daquela comezaba a súa carreira como intérprete dentro desta compañía. Tanto o festival como a compañía sinificaba para moitos novos artistas a oportunidade de participar dun espazo creativo nado da necesidade de comunicar e dialogar cun público amplo, diverso, fóra dos marcos establecidos na Cuba dos anos 80 e 90.
O desexo e as circunstancias nas que se crea esta actual “TRES TRISTES 2.0” conectan e coinciden en certa medida coas necesidades particulares nas que foi creada a versión orixinal. Crear unha peza como pretexto do reencontro dun coreógrafo e unha bailarina despois de 20 anos, unha versión 2.0. A decisión de manter o estilo e estética dos 90 permitiu aos novos intérpretes explorar na liberdade e xogo á hora de crear sen ter que desenvolver unha base conceptual ex novo, senón coa disposición ao xogo espontáneo, seguindo impulsos, imaxes e dinámicas comúns da memoria. Este afán de recuperar a partir da memoria grupal e colectiva unha peza de hai 20 anos serviu para lanzar un amplo diálogo sobre o valor da recuperación de repertorios.
Durante o proceso de investigación reapareceron ideas, intereses compartidos e puntos de vista individuais que levaban en si a cerna da estética e a filosofía da antiga compañía. O labor creador de Isabel Bustos, directora da mesma durante máis de 30 anos e que creara un selo propio e recoñecible en moitos creadores e coreógrafas que hoxe desenvolven un labor artística propia en diferentes lugares do mundo, unha escola de aprendizaxe e experimentación onde a poesía, a maxia e a visualidade entrelazábanse cunha fisicalidade cotiá, próxima á experiencia do espectador non experto.
⠀
Sobre a peza
Tres Tristres 2.0 é unha peza que traballa co repertorio da compañía cubana Danza Teatro Retazos espigando materiais antigos de pezas como La casa de María, Mujeres, Rosas y Herencias, Peses en las manos e Tres tristes tres . O motivo da recuperación é mostrar unha alquimia repertorial da tradición propia que queda lonxe, case esquecida polos bailaríns que estrearon as pezas fai dúas décadas.
Tres Tristes 2.0 é tamén unha reflexión sobre temáticas universais coma a soidade, o encontro, a pertenza, o absurdo, a beleza, o grotesco, o misterio e a poesía. Recordos que abriron un acordo silencioso e sen texto; e sobre eles, preguntámonos:
Qué pasa cando esquecemos unha coreografía que non foi documentada nun soporte visual? Cómo unha bailarina pode recoller a testemuña coreográfica doutras anteriores? Cómo lembramos aqueles movementos antigos? Cal foi a mecánica poética dun movemento perdido? Cómo poderemos recuperar os movementos perdidos?
⠀
Créditos
- Asistencia coreográfica: Miguel Azcue
- Deseño gráfico: Niko Alvarellos
- Espazo lumínico: RTA
- Espazo audiovisual: Visaki Film e Kirenia Danza
- Produción: EidosD e Idearock
- Distribución: Kirenia Danza e Artestudio Xestión Cultural