Información
Sada, 1984
Titulada en Danza Clásica polo Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña.
Especialízase en Danza Contemporánea e segue en constante formación asistindo a cursos con profesionais tanto do ámbito nacional como internacional. A súa tremenda curiosidade lévaa a introducirse tamén no mundo do teatro, danzas urbanas, cabaret, danzas aéreas, clown… Todas as ferramentas adquiridas ao longo dos anos fan que se interese e investigue unha linguaxe/danza máis persoal e libre que está en constante cambio.
Directora artística do Festival de Danza QUINCEGOTAS (Festival que se desenvolve en espazos urbanos na cidade da Coruña dende o ano 2015).
Forma parte de proxectos artísticos e educativos dentro da comunidade, co Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña a través da plataforma TRC Danza (“Comunidades en movemento”, dirección e coreografía con Exire) coa Asociación Down Coruña e é Artista de Danza co proxecto MUSE da Fundación Yehudi Menuhin, “Educar con las Artes”.
Como docente inicia a súa experiencia no ano 2006 en Artestudio Xestión Cultural ata a actualidade e no Centro de Artes Laboratorio Escénico Coop.
Traxectoria
En 2021 comeza como bailarina no novo proxecto da Cía. Kirenia Danza “Tres Tristes 2.0”, coproducida polo CCG – AGADIC – Cía. Kirenia Danza – Xacobeo 2021.
Co-creadora da Compañía de Danza Exire xunto con Alba Fernández, onde ambas exercen de directoras, coreógrafas e bailarinas. Conta con máis de 12 anos de experiencia e unha gran cantidade de actuacións pola xeografía galega. Cía Exire tamén imparte cursos de danza e realiza intervencións en centros educativos e festivais de danza fóra de Galicia.