
Sobre nós
Kirenia Danza, desde 2019
Kirenia Danza é unha compañía galega de danza, fundada en 2019 por Kirenia Martínez Acosta, coreógrafa, bailarina e actriz, quen codirixe paralelamente a Cía. Entremáns desde 2006.
É unha compañía de creación artística contemporánea que crea, dirixe, distribúe e produce proxectos escénicos. Nas súas creacións prima a investigación de novas expresións escénicas ligadas á linguaxe do movemento e a palabra.
Actualmente combina as creacións propias con encargos coreográficos, colaboracións teatrais, literarias e proxectos formativos, e de cooperación europea con outras entidades no nivel internacional e desenvolve outras seis propostas coreográficas:
Debuta en 2019 coa peza “E-migrantas” e foi estreada en Londres, Madrid e Santiago de Compostela. Esta primeira produción en solitario é unha coprodución do Centro Coreográfico Galego (CCG-AGADIC).
“Instante Gradual” que foi seleccionada na primeira convocatoria de Mobilidade Europea I-Portunus, para unha residencia artística en Matera, Capital Europea da Cultura 2019 e outras tres cidades na Rexión da Lucania e foi a peza que abriu a gala dos Premios da Cultura Galega 2021.
“Vagaface, Brumalión e o Can de Pedra”, conto inédito de Uxío Novoneyra a peza foi estreada no Teatro Aeroplio de Atenas, no marco da súa colaboración como profesional asesora no proxecto Erasmus+ Capacity Building AESOP de capacitación profesional en producións escénicas baseadas en patrimonio cultural inmaterial da mocidade de territorios susceptibles de activación turística, con socios gregos, brasileiros e vietnamitas. Logo foi representada no Festival Salerno Letteratura en Italia.
“La bailarina española”, que foi seleccionado como proxecto de investigación coreográfica gañador do primeiro concurso do I Laboratorio coreográfico da SGAE para apoiar e promover a nova creación contemporánea.
“Os coidados/Primeiro a vida”, é a segunda entrega da triloxía de “Os Vulnerables” e foi estreada o 23 de abril 2021, peza beneficiaria na convocatoria de Axudas de Creación Escénica do CCG-AGADIC.
“Tres Tristes 2.0” é outra coprodución do CCG-AGADIC, un proxecto de recuperación de repertorio, que está actualmente no proceso de produción.